Ames (A Coruña), 29 de xullo de 2025
Fonte: Xunta de Galicia
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe a ampliación en 5 millóns de euros das axudas destinadas a proxectos baseados en intelixencia artificial para “chegar ao maior número de empresas posible”.
A conselleira visitou este mediodía no Milladoiro (Ames) as instalacións das empresas Binarial e Sinerxia que xa están a aplicar solucións tecnolóxicas, onde destacou que estes apoios contaban inicialmente cunha dotación de 10 millóns de euros e foron “un éxito para as empresas”. Deste xeito, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará nos vindeiros días a ampliación do orzamento do novidoso Programa IA360 que se convocou por primeira vez este ano e que está destinado ao desenvolvemento tecnolóxico e da innovación a través da aplicación da intelixencia artificial aos distintos procesos produtivos e á comercialización.

A Conselleira atendendo ás explicacións do noso CEO Rodrigo Randulfe.
Durante a visita, Lorenzana subliñou que “para nós é fundamental apoiar e acompañar ás empresas que agora mesmo está aportando solucións tecnolóxicas avanzadas á industria que aumentan a competitividade empresarial e modernizan a outras empresas”, apuntou.
Nesta liña, explicou que estas axudas está pensadas para que “pouco a pouco, especialmente as pemes galegas, poidan investir en aumentar a súa competitividade incrementando esas solucións tecnolóxicas e esa aplicación das novas tecnoloxías e da intelixencia artificial a todo o proceso produtivo”.
Finalmente, María Jesús Lorenzana, lembrou o importante apoio do Goberno galego á transformación dixital nesta lexislatura coa creación dunha nova área especifica de innovación dentro do Igape e dotada con máis de 80 millóns de euros para fortalecer o tecido produtivo.